| |
| |
|
 |
O
RAPOSIÑO
MANUEL GUDE
|
|
Tiña meu avó moito xeito para os contos. Quizais
podería ser porque lle gustaba ler todo canto atopaba daquela,
ata as follas de xornal atrasadas coas que Anuncia de
Hortensio lle envolvía o tabaco. Levábaas todos os días con
el, cando ía coas vacas, metidas no peto do chaleco de pana
ata que se lle rompían por onde as dobraba.
Moitas veces lle teño pedido que me contara contos, e sempre o
facía, unhas veces para me entreter, outras para me ensinar. E
eu oíao embelesado, como se estivera alí xunto á formiga cando
desafiaba ao lobo, a carón do vello que lle tremaban as mans
cando comía o caldo nunha cunca de madeira, ou sentindo cando
el mesmo se despedía da muller e das fillas maiores para ir á
guerra.
De todos eles o que máis me gustaba era o do raposo.
Contaba
Amador, meu avó, que nos tempos da fame, sendo el mozo, viu
andadas unhas covas do raposo nas Terras Mouras, cavounas e
sacou un raposiño. Con el atado foi pedindo polos lugares de
arredor. Uns déronlle ovos, outros algún chourizo, e os menos,
cartos para lle pagar aquel traballo de coller aquel pillastre
que tanto dano lles facía nos galiñeiros.
Cando Amador deixou de pedir sabía que tiña que matar o
raposiño; mais, era tan bonito, con ese rabo longo cheo de
pelo coa punta branca. Tiña eses ollos tan vivos e esas
orellas tan listas que o atou cunha cadea no fondo da pendella
e deulle de comer.
Os primeiros días o raposo non comeu nada pero a fame puido co
receo e rematou aceptando o que lle daban. Alí, no fondo da
pendella pasaba os días o raposo.
Cando esto me contaba, eu podíao ver acazapado, mirando para
as galiñas cando escaravellaban na aira, e para meu avó cando
lle ía dar de comer.
Un bo día, na primavera seguinte, Amador, canso de ver aquel
animal preso na cadea, tomou unha decisión. Colleuno, subiu
con el polo cancelo á Cortiña do Alto, que lle tocaba a pan, e
ceibouno.
Este, ao verse libre, botou unha carreiriña por entre as
pallas aínda pequenas e raras, e a dez metros parou a mirar a
aquel home, berrándolle nese intre meu avó:
—¡Solteite! ¡Nunca me veñas ás galiñas!
O animal, despacio, deuse a volta e, ao tris tras, perdeuse no
sementado.
Desde ese día, nin ese raposo nin ningún outro veu ás galiñas
á casa de Xorxe.
Mágoa que moitos nenos non gocen do privilexio que tiven eu de
ter un avó que me contara contos.
|
|
El autor:
Manuel Gude Pérez
(2007)
|
|
|