Sacerdote, profesor, investigador, representante de la diócesis de Lugo en la junta del Museo Provincial, vocal de la Comisión de Arte Sacro de la diócesis, miembro de la Comisión Diocesana de Patrimonio Artístico, y de la Real Academia Gallega.

ESPASANDE

Nicandro Ares Vázquez

 

Hai unha parroquia luguesa no concello de Castroverde, que se chama Santiago de Espasande, da que podería eu dicir agora que ten unha igrexa románica, que non chegou a ser incluída por Vázquez Saco nas súas "papeletas arqueológicas"... Pero ela xa foi descrita por Elías Valiño Sampedro no Inventario artístico de Lugo y su provincia (II, 333-335, lámina 214). Tamén aparece a súa reseña, con plano, na Gran Enciclopedia Galega (10, 198). Por eso non sería nada novo o que eu puidese repetir aquí. Como tampouco sería descoñecido o que xa dixo Vázquez Seijas no Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo (VII, 144) sobre un sartego antropoide aparecido e conservado alí mesmo.

Sen embargo hai un dato interesante, que non puideron telo en conta os que describiron  esta igrexa, porque acaba de atoparse nas obras de adecentamento exterior e interior, realizada polos veciños da freguesía baixo a dirección do seu párroco, don Abel Quiroga Gallego, no ano que acaba de pasar.

Trátase dunha urna rectangular de cerna de carballo, escavada para conter reliquias, a cal estaría sen dúbida situada nunha oquedade disposta na cima do cipo ou pedestal que sostiña a primitiva mesa do altar, como é costume nestes casos.

Ten esta caixa unha tapadeira que non vai aquí debuxada, a cal axustaba con catro tarouquiños nos catro buratos feitos nas esquinas do depósito.

Leva este nunha das caras laterais unha inscrición moi esvaida, da que ofrezo unha transcrición aproximada, que traducida diría así: “Aquí están as reliquias de Santiago apóstolo e de San Pedro apóstolo nunha píxide e dentro outras reliquias de mártires e santos da igrexa de Espasande”.

Efectivamente esta caixa maior, de 20x7x9 centímetros, contén unha máis pequeniña de cerdeira (13x5x5,5 cm.) cunha tapa corrediza entre canais e sendas inscricións nas caras laterais, que aluden tamén ós apóstolos Santiago e San Pedro, e dentro da cal hai restos  de ósos e de tea de vestir.

Coido que a carón desta habería outra caixiña igual, porque cabería xustamente alí e a ela parece aludir a inscrición que se reproduce  aquí  no debuxo da caixa grande; pero se a houbo, desapareceu.

O que non admite dúbida algunha é que os depósitos destas reliquias cos seus epígrafes son coetáneos daquela igrexa románica, que sería construída quizabes no século XII ou XIII.

A esta importante novidade arqueolóxica vou engadir agora tamén algo novo e interesante sobre o nome desta parroquia, que é Espasande, o cal repítese noutra parroquia luguesa de Riotorto e mesmamente na provincia da Coruña (dúas veces) e en Asturias; hai ademais as variantes  de Espasante na Coruña e Pontevedra, así como Espasantes en Pantón, e Vilaspasantes en Cervantes (Lugo).

Todas estas formas toponímicas proceden directa ou indirectamente do antropónimo Spassandus, é dicir, do nome da persoa que fundou e posuíu inicialmente tales vilas.

Esto vese claramente en Espasande, que reproduce o xenitivo Spassandi; pero tamén Espasantes (de Pantón) figura como igrexa “de Spasandi” nun documento do ano 1244, que foi publicado por Risco en España Sagrada (XLI, 341).

O antropónimo Spassandus aparece con frecuencia en documentos medievais do noroeste peninsular e polo mesmo nos lucenses, por exemplo, no Tumbo de Samos (41, 144, 154) ou nos citados no Boletín de Monumentos de Lugo (IV, 14, 130, 194).

Pero con este nome foi especialmente célebre un abade do mosteiro de San Vicente do Pino, en Monforte, aló polo ano 821, que protagoniza un pseudoprivilexio concedido por Alfonso II  nun concilio de Oviedo en favor do citado convento monfortino. Este documento foi publicado por Yepes na súa Crónica general de la Orden de San Benito (IV, apéndice 29), por Murguía en Historia de Galicia (IV, ap. 3), por López Peláez en Los benedictinos de Monforte (apéndice 1) e por Amor Meilán en Historia de la provincia de Lugo (V, ap.. 1).

Ocupouse del neste xornal El Progreso (25 e 27-XII-84, 3-I-1985) o noso amigo Juan Marcial Pereira Fernández e, con ollo crítico, o insigne medievalista M. Rubén García Álvarez no Boletín de la Comisión de Monumentos de Lugo (V, 1952, 85).

Pero ademais  o nome daquel célebre abade consérvase gravado nun epígrafe dun pequeno sartego, que aínda hoxe está na igrexa mosteiral de San Vicente do Pino, onde se le a seguinte inscrición: HIC EST TVMVLANDVS STISIMVS ABBA SPASANDVS.

Un bo reconto de persoas que levaron o nome Spassandus en diversos documentos témolo no catálogo efectuado por dúos especialistas alemáns, Joseph M. Piel e Dieter Kremer, Hispano-gotisches Namenbuch, número 251. Pero curiosamente estes insignes filólogos califican o antropónimo Spassandus como "ungedeutet", e dicir, como inexplicado.

Sen embargo, eu estou  convencido de que aquel nome persoal era derivado dun verbo, como pasou con Amanáus (que orixinou o topónimo lucense de Amandi), Honorandus, Mirandus (que deixou vestixios en Miranda de Castroverde), Optandus, Servandus, Venerandus, etc., etc. Soamente habería dificultade en admitir esta hipótese, se no se soubese da existencia do verbo germano-latino spassare. Pero este témolo atestiguado nun concilio celebrado na localidade alemana de Trebur o ano 821, segundo se pode comprobar na magna Colección de Concilios feita por Mansi, tomo 14,páxinas 390-392.

En efecto, dous decretos do concilio triburiense contra os denominados “percusores” dos cregos, impoñen diversas penitencias e multas pecuniarias a quen calumniase e vulnerase ou maltratase e agredise a un presbítero, dicindo: si quis presbyterum calumniatus fuerit et spassaverit..., ou tamén: si quis presbyterum male tractaverit et spassaverit...

Non se pode, pois, dubidar da existencia do verbo spassare, recollido tamén por Du Cange no seu Glossarium da media e ínfima latinidade. O que non se ve con tanta claridade é o seu significado exacto. Du Cange faino equivalente a “male accipere” (acoller mal) e “castigare”, asimilándoo foneticamente a un francés inusitado “espousser” ou ó italiano “spazzare”.

En cambio Mansi advirte que onde uns códices escriben “spassaverit” outros poñen “vulneraverit”, como se ambos verbos fosen sinónimos, indicando ademais que se o malferido sanaba, o seu agresor tería menos pena ca si aquel morría.
Polo tanto podemos pensar que o significado de “spassare” sería vulnerar ou agredir, como traducín eu.

Por eso mesmo coído que Spassandus podería ser un nome cristián de humildade, que se traduciría por “o que ha de ser maltratado” e ha de sentirse ditoso cando o aldraxan e perseguen e calumnian por causa de Xesucristo (Máteo, 5, 11), como foi aquel “varón de sufrimientos”, descrito polo profeta Isaías (53,3), “desprezado e rexeitado polos homes..., ferido e abatido por Deus..., violado polas nosas maldades e mallado polos nosos crimes”, ou como di San Xoán (19,37) de noso Señor Xesucristo, citando ó profeta Zacarías (12, 10): “Verán a quen traspasaron”.

Apurando aínda máis a etimoloxía e significado de “spassare”, poderíamos quizabes formular a hipótese de relacionar o verbo coa palabra “espasa”, que é como se di espada en catalán, segundo propón Corominas en Tópica Hespérica (II, 175).

En latín clásico a espada chamábase ensis e gladius, pero no baixo latín apareceu spatha, como préstamo do grego spáze, palabra que se vencella co verbo spáo (futuro spáso) “arrincar, lacerar”.

Entón Spassandus, que é futuro, podería indicar a imitación que de noso Señor, alanceado na cruz, debería procurar o discípulo cristián que levase tal nome. Sería, pois, coma unha catequese ofrecida de modo permanente nun comprimido onomástico, administrado en dose diaria, para ter unha boa saúde espiritual.

 

 


 
 


 

Nicandro Ares Vázquez

 

 


 


 Santiago de Espasande
27125 - Castroverde
LUGO (ESPAÑA)
© Joseph 2007